Unha das nosas cancións preferidas!

livro 

A pulga e o piollo

A pulga e o piollo queríanse casar,
tan ricos estaban que non tiñan pan.

E saiu a toupa da sua toupeira
Fágase a voda que eu serei panadeira.

Ahora, mi vida, panciño tenemos.
Fáltano-lo viño. ¿Dónde lo hallaremos?

Saiu o mosquito do seu mosquiteiro
Fágase a voda, que eu serei taberneiro.

Ahora, mi vida, viñiño xa temos,
fáltano-la carne. ¿Dónde la hallaremos?

E saiu o lobo detrás do outeiro
Fágase a voda, que eu serei carniceiro.

Ahora, mi vida, carniña xa temos
Fáltano-los manteles. ¿Dónde los hallaremos?

E saiu a araña da súa arañeira
Fágase a voda, que eu serei tecedeira.

Ahora, mi vida, manteles tenemos
Fáltano-lo padriño. ¿Dónde lo buscaremos?

E saiu o rato detrás do muiño
Se prenden ó gato eu serei padriño.

Ahora, mi vida, padriño tenemos
Fáltano-la madriña. ¿Dónde la hallaremos?

E saiu a rá da súa regueiriña
¡Fágase a voda, que eu serei madriña!

Ahora, mi vida, madriña xa temos
Fáltano-lo danzante. ¿Dónde lo hallaremos?

E saiu o sapo de moi arrogante
Fágase a voda, que eu serei danzante.

Ahora, mi vida, danzante tenemos
Fáltano-lo gaiteiro. ¿Dónde lo hallaremos?

E saiu o grilo do seu grileiro.
Fágase a voda, que eu serei gaiteiro.

Homes e mulleres, rapaces e todos,
vinde ve-la dote que me deu meu sogro.

Unha cabra vella e un cabrito coxo,
Unha manta vella cun remendo roxo.

No medio da voda houbo un barulliño,
desprendeuse o gato e comeu ó padriño.

Catro pulgui-coplas populares

lila

O curazón dunha pulga
i-as entranas d’un piollo
son pra lle dar ó meo home,
que non me come de todo.

O curazón d’unha pulga
fretido n-unha sartén,
repartírono entre catro
i-afellas sabía ben.

A pulga e máis o piollo
foron ó monte á cavar,
i-o carraspeto pequeno
foilles levar o xantar.

Ai, que me comen as pulgas,
ai, que me chouchan os dentes,
rapaza, na túa cama
hai unhas pulgas doentes.

Test de proust

pulgui 

Grazas a http://www.blogoteca.com/nasa/  por convidar-nos a respostar o Test de Proust, cousa que a´Claudio e a Séchu Carruselo nos parece moi interessante para dar a conhecer as nossas ideias sobre o sentido da vida.

1. O principal trazo do meu carácter?

Séchu Carruselo: O surrealismo.

Claudio Carruselo: A observación.  

2.  A calidade que prefiro nun home?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A mesma que nunha muller.

3. A calidade que desexo nunha muller?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A bondade, a tranquilidade, e que lle gosten as pulgas.

4. O que máis aprezo nos meus amigos?

S.C.: O surrealismo.C.C.: O cariño.

 5. O meu principal defecto?

S.C.: O surrealismo.

C.C.: Non devolver tanto amor como o que recibo de Ana, da miña filla, dos meus pais e dos meus irmáns. 

6. A miña ocupación preferida?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A observación do surrealismo do meu irmán e doutros surrealismos endóxenos.

7. O meu soño?

S.C.: Umha Galiza e um mundo livres, justos e governada por pallasos, domadores de pulgas, equilibristas e o resto da gente.

C.C.: Que a xente mirase a unha pulga como o que realmente é: unha auténtica artista chea de corazón que de cando en vez necesita pegarlle unha chantada a algún coitadiño.  

8. Cal sería a miña maior desgraza?

S.C.: Que algumha pulga se puxesse enferma.

C.C.: Que ardese o noso Circo de Pulgas.

 9. Que quixera ser?

S.C.: Pulga

C.C.: Pulga domadora de persoas.

10. Onde desexaría vivir?

S.C.: Em qualquer lugar do mundo onde haja pulgas.

C.C.:  Dentro dun cogumelo.

11.A cor que prefiro?

S.C.: Agora mesmo o vermelho, dentro duns minutos nom sei…

C.C.: O vermello (50%), o negro (50%).

12.A flor que prefiro?

S.C.: A flor da pataca.

C.C.:  A rosa.

13.O paxaro que prefiro?

S.C.: Qualquer que seja hospitalario com as pulgas do Circo Carruselo

C.C.: Idem.

14.Os meus autores preferidos en prosa?

S.C.: Os irmáns Grimm, por Pulgarcinho. E Anónimo. De Anónimo molam-me muitas novelas.

C.C.: Séchu Sende. Marcel Proust, Blanco Amor.

15. Os meus poetas preferidos?

S.C.:  Milike, Milikito, Fofó, Fofito e Ángel Cristo.

C.C.: Lorca, Séchu Sende.

16. Os meus heroes de ficción?

S.C.: A formiga atómica. Spiderman. E Breogán.

C.C.: O misterioso libertario apodado V, que oculto tras una máscara de Guy Fawkes, fai das súas no cómic “V de Vendetta”de Alan Moore.

17. As miñas heroínas de ficción?

S.C.: Pippi Lansgtrum.

C.C.:  A pulga Mimi.1

8. Os meus compositores preferidos?

S.C.: John Ballan

C.C.: Mozart, Bethoven e a pulga Esmeralda.

19. Os meus pintores predilectos?

S.C.: Sen dúbida Salvador González Lapido.

C.C.: Lapido, Mark Ryden.

20. Os meus heroes da vida real?

S.C.: Rocio, que está estudando as opos sem descanso.

C.C.:  non teño heroes favoritos.

21. As miñas heroínas históricas?

S.C.: Mamá

C.C.: A nai de Séchu Carruselo, por suposto.

22. Os meus nomes favoritos?

S.C.: Maruxa, Candela, Mimí, Esmeralda.

C.C.: Candela, Iria-Flavia.

23. Que detesto máis que nada?

S.C.: A caca de elefante, umha pulga com malas pulgas e os imperialistas espanhois.

C.C.: Os insecticidas.

24. Que caracteres históricos desprezo máis?

S.C.: O bigote dos ditadores e dos caciques.

C.C.: Os ditadores que están detrás deses bigotes.

25. Que feito militar admiro máis?

S.C.: A revolta dos animais, na que as pulgas tiverom un papel aínda nom reconhecido pola História

C.C.:  O intento de ocupación feito por algunhas pulgas do Caurel dun piso de Fontiñas (Compostela) -hai uns anos- reprimidas dunha forma brutal .

26. Que reforma admiro máis?

S.C.: A reforma laboral que conseguiu o mesmo convénio colectivo para pulgas e domadores de Circo.

C.C.:  Creo que a resposta anterior é un erro. (Entre domador e pulga: un látigo)

27. Que dons naturais quixeras ter?

S.C.: Cuspir moi lonxe, a máis de vinte metros. E outro don…, umm, que algúen me chamase Don, Don Séchu, algunha vez na vida.

C.C.: Saltar como unha pulga.

28. Como me gustaría morrer?

S.C.: Vivo.C.C.: Rápido.

29. Estado presente do meu espírito?

S.C.: A fronte ergueita, o paso ventureiro.

C.C.: Etéreo.

30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?

S.C.: O erro dumha pulga num dos números do Circo.

C.C.: Cando a pulga Mimí fracasa no seu intento de andar por enriba dunha rampa subida nunha pelota de tenis de mesa blanca.

 31. O meu lema?

S.C.: Eu nunca serei yo

C.C.: “Unha pulga non pode para un tren, pero pode encher de ronchas ao maquinista”. 

 Queremos convidar a respostar o Test de Proust a www.anxoscaidos.blogspot.com e mais a http://www.avantehermetico.blogspot.com/, blogues que admiramos pola sua particular e única visom da vida e, sobre todo,  porque som colegas ou família do Circo de Pulgas Carruselo

Alhariz, de marabilha!

allariz

Pois si, diante dum aforo de mais de trinta pessoas o Circo de Pulgas Carruselo tivo o pracer de levar a emoçom á vila do Arnoia.
A Semana do Livro acolheu as pulgas Mimi, Esmeralda e Breogám que, generosas com o público alaricano, estiverom brilhantes como sempre no desenvolvemento do espectáculo. Cumpre resaltar como incidéncia extraordinária o feito de que umha espectadora infantil, Antela, foi pinchada pola pulga Mimí, sem mais consecuéncias que um pequeno susto.

Vemo-nos na próxima!

Grande éxito en Ames!

Máis dun cento de persoas ovacionaron as pulgas do Circo Carruselo, descubrindo cos ollos moi abertos un dos fenómenos artísticos máis incribles do mundo.

Mimí, Esmeralda e Breogán levantaron Hurras! e Bravos! a discreción entre un público que, nun local ambientado con arañas xigantes, esqueletos, monstros e milleiros de libros,  se entregou ao espectáculo con asombro e emoción.

O Pazo da Peregrina acollía desta maneira multitudinaria o Circo de Pulgas Carruselo dentro das actividades da Semana do Libro Infantil, organizadas polo Concello de Ames e a AS-PG, adicada este ano ao tema do Medo, e viuse desbordado pola presenza dun público tan numeroso que nos fixo recordar aos Carruselo que o espectáculo do Circo de Pulgas é un espectáculo delicado e diminuto que require para o seu óptimo aproveitamento dun aforo limitado a 25 nenos e nenas como máximo.

Dadas as múltiples peticións queremos comunicarlles aos nenos e nenas do concello de Ames que o Circo de Pulgas Carruselo voltará con todos e todas vós no seu vindeiro tour artístico europeo.

Máis se clicas aquí información…