O Circo de Pulgas Carruselo, Made in Galiza

made in gz O Circo de Pulgas Carruselo actuará na Feira do Libro da Vigo o vindeiro martes 3 de xullo, ás 20.00, con motivo da presentación do libro MADE IN GALIZA, do guionista do Circo de PUlgas Carruselo Séchu Sende.

Séchu Sende, coñecido amante das pulgas e autor do texto clásico no mundo da psicoentomoloxía “Como domar unha pulga”, explica que este é un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.

Ficades tod@s convidad@s!!!!

Praga de pulgas nun colexio de Rianxo

peluxe 

O Circo de Pulgas Carruselo quere solidarizarse cos nenos, nenas e profes do cole Brea Segade de Rianxo, vítimas dunha das peores calamidades que se poden padecer:  unha praga de pulgas.

A xente do Circo sabemos moi ben que nada se pode comparar cun andazo de pulgas. Os tigres, os leóns, os elefantes, as panteras ou os crocodrilos cos que os domadores de todo o mundo traballan a diario, arriscando a vida nas pistas dos circos, non son nada en comparación co perigo que supón o ataque das pulgas en estado salvaxe.

Por iso os domadores do Circo de Pulgas Carruselo comprendemos moi ben a denuncia e a chamada de auxilio lanzada por nais e profes do cole de Taragoña diante desta vergonzosa situación que, por suposto, ten responsabeis, -alén das pulgas, pobres animais que non teñen culpa de ser como son.

O Circo de Pulgas Carruselo  manifesta a súa denuncia solidaria cos nenos e nenas de Taragoña e reclama ás autoridades competentes e responsables políticos, -aos que sinalamos co noso látego- unha solución inmediata ao problema.

 Isto é unha vergoña! Pulgas nun colexio!

Así mesmo, tanto os domadores Claudio e Séchu Carruselo, como as pulgas do noso circo, Lilith, Esmeralda e Breogán, sentimos que unha vez máis a pulga apareza nos medios de comunicación só cando ten lugar unha desgraza deste tipo como un animal feroz e sedento de sangue. Por favor, a xente ten que ser sensible e saber que a realidade é máis complexa: NON TODAS AS PULGAS SON IGUAIS. 

No Circo de Pulgas Carruselo sabemos que as pulgas tamén poden ser animais sensibles e encantadores, e por iso o noso Circo quere lembrar o seu labor social como espectáculo que fomenta o amor polos animais.

Bis en Pontedeume

pin2O Tour das Semanas do Libro, -organizadas pola AS-PG-, chegou ao seu final. Foron cinco actuacións, -en Moaña, Porriño, Bertamiráns, Allariz e Pontedeume- que reuniron no Galiza Pulgas Circus máis de quiñentos nenos e nenas que abriron a boca para dicir Oooos, Aaaas! e Fiuuuuuus!.

Pontedeume encheu o Circo de Pulgas Carruselo de tal maneira que houbo que habilitar dúas funcións, superando todas as expectativas, e fechando esta primeira Xira de Primavera con bravos e urras que Lilith, Esmeralda e Breogán gardan para sempre no arquivo da súa memoria.

O Circo de Pulgas Carruselo continúa a viaxar polos carreiros, congostras, corredoiras, pistas, estradas, autovías, e autoestradas do noso país, así que…

…calquera día podemos chegar á porta da túa casa!