Na Feira do Libro de Vigo!

Clica aquí: http://www.blogoteca.com/madeingaliza/index.php?cod=18326
Como non, o Circo de Pulgas Carruselo distínguese por apoiar, ademais do espectáculo da doma de animais salvaxes, a arte e a cultura. Entendemos que o Galiza Pulgas Circus é un deses pequenos patrimonios culturais de Galiza para o mundo e por iso onte, e entre outras cousas porque nos tocaba na familia, participamos na presentación dun libro na Feira do Libro de Vigo.
En fin. Foi espectacular.
Sabiamos que a xente que vai a unha feira do libro é xente valente, afoutada e destemida, porque a maioría das persoas lle teñen medo aos libros e non queren achegarse demasiado ás Feiras, onde hai milleiros de libros ceibos.
E sabiamos que a presentación dun libro é unha cousa seria, polo que pactamos co autor de Made in Galiza, o libro apresentado, que se quería contar coa nosa presencia non nos podía limitar o número de gargalladas, bravos e aplausos no noso espectáculo. Aceptou.
Así que sabendo todo iso e algunha cousa máis, o Galiza Pulgas Circus foi un bo primeiro prato no espectáculo da presentación do Made in Galiza, un libro que non podedes nin imaxinar.
Presentaron o libro, ademais do autor, o editor Carlos Lema, da editorial Galaxia, e mais o filósofo rock Carlos Santiago, ese fenómeno cultural da guerrilla comunicativa moderna.
Séchu Sende, o autor, sorprendeu explicando o seu Método de hipnose para falar galego, e o Estudo Sociolingüístico da Mocidade baixo os efectos das drogas, e confesando que el comezou a falar galego na mocidade logo de facer ouigha co espírito de Castelao.
En fin, todo foi un pouco sobrenatural. Como nun soño. Ou algo así.
chuzame -