Entrevista a Candela Carruselo

Chámase Candela Carruselo, ten sete anos e vive con tres pulgas en Vigo. Seu pai é o famoso Claudio Carruselo, domador do Galiza Pulgas Circus e ela vai camiño de se converter na domadora de pulgas máis pequena do mundo!

– Candela, como é a vida cun domador de pulgas?

– A comida das pulgas é o sangue, e as nosas pulgas case sempre se alimentan do meu. Papá ponme as pulgas de noite e pícanme.

– Doe?

– Non, non, nin te das conta!

-Cantas pulgas viven con vós?

– Tres: Mimí, Esmeralda e Breogán. Mimí é a miña preferida. É travesa e gústame. Xoga ao fútbol, sube por unha rampa…

– Como é a vida dun domador de pulgas?

– Adestra moito. Adestra moitas horas á semana.

– E como consegue un domador as súas pulgas?

– Papá foi buscalas ao monte. Unha tróuxoa dun xabarín do Courel. Logo adestrounas moito tempo, cinco anos.

– E gustaríache seguir a tradición da familia Carruselo?

– Gustaría. Fáltame crecer. Xa fixen unha proba un día, con Mimí. Díxenlle que subise pola rampa e subiu. Mimí, sube! Teño que aprender a mandarlle as cousas mellor.

– Cando vas estar preparada?

– Cando teña máis tempo. Aínda son pequena. E ademais, cando me poña a falar en galego. Tamén quero aprender inglés, francés, ruso, xaponés, grego e árabe para facer o espectáculo en máis lugares do mundo.

– Que che gustaría aportar ao Galiza Pulgas Circus?

– Eu poríalle unha colchoneta, corda e dar tres saltos e saltar á corda frouxa.

– Onde che gustaría viaxar?

– Gustaríame actuar en Barcelona, en Asturias e en París, na praza maior.

– Soñas coas pulgas?

– Si, soño que xa son domadora.

– E por que che gustaría ser domadora de pulgas?

– Porque quero divertir o público, porque ao público lle gusta o circo de pulgas, e porque vou ser a primeira domadora de pulgas.

– Que ten de especial un circo de pulgas?

– É máis pequeno, máis bonito, e as pulgas son máis impresionantes que os elefantes e máis difíciles de domesticar.

– A quen admiras?

– Admiro a Claudio Carruselo, a Querignac… Gustaríame coñecer a Pippi, vivir cunha tartaruga, ter un gato ao que lle aprendería a transportar pulgas… Gústame tocar o clarinete.

– Queres contar algunha anécdota en especial?

– Mimí un día escapou pola cociña adiante, e papá enfadouse con ela e colleuna tirándose ao chan. Agora vailles facer unha casa. Viven nunha caixiña, nun bolsiño, e nunha caravana pequeniña. Eu voulles facer un sofá cosendo.