Que guai no Grove!

Os nenos e nenas do Grove aplaudiron forte forte as tres pulgas recén chegadas da súa viaxe internacional.

E deron un chimpo das luces e músicas do circo da televisión á luz da biblioteca do cole do Grove que, pertiño da praia da Lanzada, -onde as pulgas de mar agardan ansiosas o verán- acolleu com moito cariño a Mimí, Esmeralda e Breogán.

Saúdos!

Claudio Carruselo en Identity

Claudio Carruselo foi un dos “personaxes ocultos” no programa concurso español Identity, ao que acudiu coas súas tres pulgas, Mimí, Esmeralda e Breogán.

Aqui podemos observar a elegancia sen par do domador, cun chaleque que chamou a atención de vários millóns de espectadores polo seu brillo cegador. Se nos fixamos ben, ao lado esquerdo do micrófono pódese chegar a ver a pulga Breogán.

Foron case doce horas de gravación no plató. E unha experiencia un tanto extraterrestre -non fai falla máis que mirar a forma de nave espacial do estudo.

Ante a pregunta “Ten circo de pulgas”, o concursante non fallou: “É o personaxe número 10”. Un domador de pulgas coñécese a primeira vista por dentro e por fóra! E a ollada de Claudio Carruselo -acostumada a tratar con feras salvaxes- é como un libro aberto!

Traballou en dez países? Levantou unha ponte? Aprende a bailar? Fala do revés?Fixo táboas co campión do mundo de xadrez? Vendeu 70.000 copias?

Non: o domador de pulgas é o señor de barba!

Ten pinta a rapaza de vermello de domar pulgas?

Talvez a de vestido negro?

Non, o domador de pulgas é o grande Claudio -que por outro lado viaxou co Circo Carruselo por moitos máis países dos que podemos contar cos dedos das mans e dos pés-

Mas o que Claudio Carruselo descubriu nesta aventura nun concurso de televisión é un segredo que o Galiza Pulgas Circus nunca revelará…

Un saúdo!