O nosso primeiro Festival Internacional: Galicreques 2007

salva

Pois, si, e queremos convidar-vos a viver com nós um  espectáculo realmente pouco frecuente: um circo de pulgas.

O Circo de Pulgas Carruselo herdou da sua família o segredo da doma das pulgas selvagens e, com muita paciéncia, horas de trabalho e dotes de convicçom, conseguiu domar á pulga Lilith, -a pulga forzuda-, a Esmeralda, -virtuosa do piano- e a Breogán -a pulga bala.

Assi que já sabedes:

GALIZA PULGAS CIRCUS, Um espectáculo para ver com lupa!

Este sábado 6 de outubro ás 12.00, no Centro Sociocultural do Ensanche.

Direcçom: Familia Carruselo.

Domador: Claudio Carruselo.

Guiom: Séchu Sende
 

Na Feira do Libro de Vigo!

 vigo1

Clica aquí: http://www.blogoteca.com/madeingaliza/index.php?cod=18326

Como non, o Circo de Pulgas Carruselo distínguese por apoiar, ademais do espectáculo da doma de animais salvaxes, a arte e a cultura. Entendemos que o Galiza Pulgas Circus é un deses pequenos patrimonios culturais de Galiza para o mundo e por iso onte, e entre outras cousas porque nos tocaba na familia, participamos na presentación dun libro na Feira do Libro de Vigo.

En fin. Foi espectacular.

Sabiamos que a xente que vai a unha feira do libro é xente valente, afoutada e destemida, porque a maioría das persoas lle teñen medo aos libros e non queren achegarse demasiado ás Feiras, onde hai milleiros de libros ceibos.

E sabiamos que a presentación dun libro é unha cousa seria, polo que pactamos co autor de Made in Galiza, o libro apresentado, que se quería contar coa nosa presencia non nos podía limitar o número de gargalladas, bravos e aplausos no noso espectáculo. Aceptou.

Así que sabendo todo iso e algunha cousa máis,  o Galiza Pulgas Circus foi un bo primeiro prato no espectáculo da presentación do Made in Galiza, un libro que non podedes nin imaxinar.

Presentaron o libro, ademais do autor, o editor Carlos Lema, da editorial Galaxia, e mais o filósofo rock Carlos Santiago, ese fenómeno cultural da guerrilla comunicativa moderna.

Séchu Sende, o autor,  sorprendeu explicando o seu Método de hipnose para falar galego, e o Estudo Sociolingüístico da Mocidade baixo os efectos das drogas, e confesando que el comezou a falar galego na mocidade logo de facer ouigha co espírito de Castelao.

En fin, todo foi un pouco sobrenatural. Como nun soño. Ou algo así.

Mais unha vez no cole de Frián, Teis.

E para remate do curso escolar, a semana passada o Circo de Pulgas Carruselo actuou en Vigo para máis de trinta rapaces e rapazas do cole de Frián.

Um globo aerostático que ascendeu polos aires em direcçom a Paris levou a Mimi, Esmeralda e Breogán entre as nubes, para passarem uns dias de merecido descanso.

 Estamos aguardando as fotos do espectáculo… Que chegaram aginha!

O Circo de Pulgas Carruselo, Made in Galiza

made in gz O Circo de Pulgas Carruselo actuará na Feira do Libro da Vigo o vindeiro martes 3 de xullo, ás 20.00, con motivo da presentación do libro MADE IN GALIZA, do guionista do Circo de PUlgas Carruselo Séchu Sende.

Séchu Sende, coñecido amante das pulgas e autor do texto clásico no mundo da psicoentomoloxía “Como domar unha pulga”, explica que este é un libro que procura a fórmula da liberdade na punta da lingua. Un libro de historias orixinais como cada unha das persoas e dos pobos que coñecemos ou soñamos: únicos. Un libro que conta contigo para ler o mundo con palabras que tamén son túas. Un libro difícil de soñar, como a vida mesma. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.

Ficades tod@s convidad@s!!!!

Bis en Pontedeume

pin2O Tour das Semanas do Libro, -organizadas pola AS-PG-, chegou ao seu final. Foron cinco actuacións, -en Moaña, Porriño, Bertamiráns, Allariz e Pontedeume- que reuniron no Galiza Pulgas Circus máis de quiñentos nenos e nenas que abriron a boca para dicir Oooos, Aaaas! e Fiuuuuuus!.

Pontedeume encheu o Circo de Pulgas Carruselo de tal maneira que houbo que habilitar dúas funcións, superando todas as expectativas, e fechando esta primeira Xira de Primavera con bravos e urras que Lilith, Esmeralda e Breogán gardan para sempre no arquivo da súa memoria.

O Circo de Pulgas Carruselo continúa a viaxar polos carreiros, congostras, corredoiras, pistas, estradas, autovías, e autoestradas do noso país, así que…

…calquera día podemos chegar á porta da túa casa!

Alhariz, de marabilha!

allariz

Pois si, diante dum aforo de mais de trinta pessoas o Circo de Pulgas Carruselo tivo o pracer de levar a emoçom á vila do Arnoia.
A Semana do Livro acolheu as pulgas Mimi, Esmeralda e Breogám que, generosas com o público alaricano, estiverom brilhantes como sempre no desenvolvemento do espectáculo. Cumpre resaltar como incidéncia extraordinária o feito de que umha espectadora infantil, Antela, foi pinchada pola pulga Mimí, sem mais consecuéncias que um pequeno susto.

Vemo-nos na próxima!

Grande éxito en Ames!

Máis dun cento de persoas ovacionaron as pulgas do Circo Carruselo, descubrindo cos ollos moi abertos un dos fenómenos artísticos máis incribles do mundo.

Mimí, Esmeralda e Breogán levantaron Hurras! e Bravos! a discreción entre un público que, nun local ambientado con arañas xigantes, esqueletos, monstros e milleiros de libros,  se entregou ao espectáculo con asombro e emoción.

O Pazo da Peregrina acollía desta maneira multitudinaria o Circo de Pulgas Carruselo dentro das actividades da Semana do Libro Infantil, organizadas polo Concello de Ames e a AS-PG, adicada este ano ao tema do Medo, e viuse desbordado pola presenza dun público tan numeroso que nos fixo recordar aos Carruselo que o espectáculo do Circo de Pulgas é un espectáculo delicado e diminuto que require para o seu óptimo aproveitamento dun aforo limitado a 25 nenos e nenas como máximo.

Dadas as múltiples peticións queremos comunicarlles aos nenos e nenas do concello de Ames que o Circo de Pulgas Carruselo voltará con todos e todas vós no seu vindeiro tour artístico europeo.

Máis se clicas aquí información…

Vemo-nos?

textoalternativo

Estas som as vindeiras actuaçons do Circo de Pulgas Carruselo nas Semanas do Libro e da Lectura:

Porrinho: Terça feira (martes), 10 de abril ás 18h. Casa da Cultura.

Ames: Segunda feira, 7 de maio ás 18h, Paço da Peregrina.

Pontedeume: Terça feira (martes), 5 de junho ás 18h, Casa da Cultura.

Alhariz: Terça feira (martes), 22 de maio ás 18h, Salóm da Praça de Abastos.

O Circo de Pulgas en Moaña!

branconegro 

Moitas nenas e nenos puideron gozar co espectáculo das artistas máis diminutas do mundo. Necesitariamos un microscopio para ver o sorriso de satisfacción de Mimí, Esmeralda e Breogán logo dos bravos emocionados do público.

Na Semana do Libro e da Lectura en Moaña dedicada este ano ao medo, o Circo de Pulgas abriu por primeira vez o  libro totémico da familia Carruselo, A arte da doma de pulgas, de Boaventura Carruselo, para llo mostrar ao público. E do libro saíron cousas nunca vistas.

– Apréndeme a ser domador de pulgas,-chegou a dicirlle un neno a Claudio Carruselo ao final da actuación.

Outro preguntoulle ao domador:

– E podo domar piollos?

– Non que son moi tontos, respostou o artista.

– E pulgas da praia?

– Uf, esas son tontas perdidas!

ÉXITO NO FERLÓS CAFÉ

100_4501.JPG

As tres pulgas do noso circo superaron con éxito os números propostos polo domador Claudio Carruselo. Fixeron equilibrios encima dunha pelota de tenis de mesa, deslizáronse xeitosamente na corda frouxa, disparáronse cun canón e incluso interpretaron unha peza musical cun piano. Incrible que acabasen a función sen ningunha fractura!

No  “Circo de Pulgas Carruselo” estamos tremendamente agradecidos á xerente, Rosa, e demais persoal do FERLÓS CAFÉ, por ter convidado o noso pequeno grande espectáculo.

Por outro lado, e como sempre, garantimos que no local non queda ningunha pulga que poida molestar aos clientes.

PRESENTACIÓN MUNDIAL DO GALIZA PULGAS CIRCUS

negroe

O vindeiro domingo 17 de decembro terá lugar a presentación na comarca de Santiago do Circo de Pulgas dos Irmáns Carruselo, o menor espectáculo do mundo con tres das máis famosas pulgas do mundo circense, as arquicoñecidas Mimí, Breogán e Esmeralda.

O espectáculo, presentado polo psicoentomólogo (domador de insectos) Claudio Carruselo, con guión do escritor Séchu Sende, preséntase no Ferlós Café de Bertamiráns, no concello de Ames, como unha das actividades de animación sociocultural deste local coñecido polas súas actuacións musicais e artísticas.

O Circo das Pulgas dos Irmáns Carruselo –Galiza Pulgas Circus- está dirixido a nenos e nenas de até 9 anos e presentará números circenses orixinais e únicos no mundo, como o da famosa pulga pianista, a trapecista, a pulga que salta á piscina nun triple mortal, a pulga que sabe escribir ou a pulga bala.

As pulgas do espectáculo foron domadas durante un longo período de tempo seguindo a tradición galega dos máis prestigiosos domadores de pulgas polo propio Claudio Carruselo e prometen un espectáculo único e nunca visto.

A entrada é gratuíta.

O espectáculo está dirixdo para nenos e nenas menores de 9 anos.