Unha das nosas cancións preferidas!

livro 

A pulga e o piollo

A pulga e o piollo queríanse casar,
tan ricos estaban que non tiñan pan.

E saiu a toupa da sua toupeira
Fágase a voda que eu serei panadeira.

Ahora, mi vida, panciño tenemos.
Fáltano-lo viño. ¿Dónde lo hallaremos?

Saiu o mosquito do seu mosquiteiro
Fágase a voda, que eu serei taberneiro.

Ahora, mi vida, viñiño xa temos,
fáltano-la carne. ¿Dónde la hallaremos?

E saiu o lobo detrás do outeiro
Fágase a voda, que eu serei carniceiro.

Ahora, mi vida, carniña xa temos
Fáltano-los manteles. ¿Dónde los hallaremos?

E saiu a araña da súa arañeira
Fágase a voda, que eu serei tecedeira.

Ahora, mi vida, manteles tenemos
Fáltano-lo padriño. ¿Dónde lo buscaremos?

E saiu o rato detrás do muiño
Se prenden ó gato eu serei padriño.

Ahora, mi vida, padriño tenemos
Fáltano-la madriña. ¿Dónde la hallaremos?

E saiu a rá da súa regueiriña
¡Fágase a voda, que eu serei madriña!

Ahora, mi vida, madriña xa temos
Fáltano-lo danzante. ¿Dónde lo hallaremos?

E saiu o sapo de moi arrogante
Fágase a voda, que eu serei danzante.

Ahora, mi vida, danzante tenemos
Fáltano-lo gaiteiro. ¿Dónde lo hallaremos?

E saiu o grilo do seu grileiro.
Fágase a voda, que eu serei gaiteiro.

Homes e mulleres, rapaces e todos,
vinde ve-la dote que me deu meu sogro.

Unha cabra vella e un cabrito coxo,
Unha manta vella cun remendo roxo.

No medio da voda houbo un barulliño,
desprendeuse o gato e comeu ó padriño.

Catro pulgui-coplas populares

lila

O curazón dunha pulga
i-as entranas d’un piollo
son pra lle dar ó meo home,
que non me come de todo.

O curazón d’unha pulga
fretido n-unha sartén,
repartírono entre catro
i-afellas sabía ben.

A pulga e máis o piollo
foron ó monte á cavar,
i-o carraspeto pequeno
foilles levar o xantar.

Ai, que me comen as pulgas,
ai, que me chouchan os dentes,
rapaza, na túa cama
hai unhas pulgas doentes.

Test de proust

pulgui 

Grazas a http://www.blogoteca.com/nasa/  por convidar-nos a respostar o Test de Proust, cousa que a´Claudio e a Séchu Carruselo nos parece moi interessante para dar a conhecer as nossas ideias sobre o sentido da vida.

1. O principal trazo do meu carácter?

Séchu Carruselo: O surrealismo.

Claudio Carruselo: A observación.  

2.  A calidade que prefiro nun home?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A mesma que nunha muller.

3. A calidade que desexo nunha muller?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A bondade, a tranquilidade, e que lle gosten as pulgas.

4. O que máis aprezo nos meus amigos?

S.C.: O surrealismo.C.C.: O cariño.

 5. O meu principal defecto?

S.C.: O surrealismo.

C.C.: Non devolver tanto amor como o que recibo de Ana, da miña filla, dos meus pais e dos meus irmáns. 

6. A miña ocupación preferida?

S.C.: O surrealismo

C.C.: A observación do surrealismo do meu irmán e doutros surrealismos endóxenos.

7. O meu soño?

S.C.: Umha Galiza e um mundo livres, justos e governada por pallasos, domadores de pulgas, equilibristas e o resto da gente.

C.C.: Que a xente mirase a unha pulga como o que realmente é: unha auténtica artista chea de corazón que de cando en vez necesita pegarlle unha chantada a algún coitadiño.  

8. Cal sería a miña maior desgraza?

S.C.: Que algumha pulga se puxesse enferma.

C.C.: Que ardese o noso Circo de Pulgas.

 9. Que quixera ser?

S.C.: Pulga

C.C.: Pulga domadora de persoas.

10. Onde desexaría vivir?

S.C.: Em qualquer lugar do mundo onde haja pulgas.

C.C.:  Dentro dun cogumelo.

11.A cor que prefiro?

S.C.: Agora mesmo o vermelho, dentro duns minutos nom sei…

C.C.: O vermello (50%), o negro (50%).

12.A flor que prefiro?

S.C.: A flor da pataca.

C.C.:  A rosa.

13.O paxaro que prefiro?

S.C.: Qualquer que seja hospitalario com as pulgas do Circo Carruselo

C.C.: Idem.

14.Os meus autores preferidos en prosa?

S.C.: Os irmáns Grimm, por Pulgarcinho. E Anónimo. De Anónimo molam-me muitas novelas.

C.C.: Séchu Sende. Marcel Proust, Blanco Amor.

15. Os meus poetas preferidos?

S.C.:  Milike, Milikito, Fofó, Fofito e Ángel Cristo.

C.C.: Lorca, Séchu Sende.

16. Os meus heroes de ficción?

S.C.: A formiga atómica. Spiderman. E Breogán.

C.C.: O misterioso libertario apodado V, que oculto tras una máscara de Guy Fawkes, fai das súas no cómic “V de Vendetta”de Alan Moore.

17. As miñas heroínas de ficción?

S.C.: Pippi Lansgtrum.

C.C.:  A pulga Mimi.1

8. Os meus compositores preferidos?

S.C.: John Ballan

C.C.: Mozart, Bethoven e a pulga Esmeralda.

19. Os meus pintores predilectos?

S.C.: Sen dúbida Salvador González Lapido.

C.C.: Lapido, Mark Ryden.

20. Os meus heroes da vida real?

S.C.: Rocio, que está estudando as opos sem descanso.

C.C.:  non teño heroes favoritos.

21. As miñas heroínas históricas?

S.C.: Mamá

C.C.: A nai de Séchu Carruselo, por suposto.

22. Os meus nomes favoritos?

S.C.: Maruxa, Candela, Mimí, Esmeralda.

C.C.: Candela, Iria-Flavia.

23. Que detesto máis que nada?

S.C.: A caca de elefante, umha pulga com malas pulgas e os imperialistas espanhois.

C.C.: Os insecticidas.

24. Que caracteres históricos desprezo máis?

S.C.: O bigote dos ditadores e dos caciques.

C.C.: Os ditadores que están detrás deses bigotes.

25. Que feito militar admiro máis?

S.C.: A revolta dos animais, na que as pulgas tiverom un papel aínda nom reconhecido pola História

C.C.:  O intento de ocupación feito por algunhas pulgas do Caurel dun piso de Fontiñas (Compostela) -hai uns anos- reprimidas dunha forma brutal .

26. Que reforma admiro máis?

S.C.: A reforma laboral que conseguiu o mesmo convénio colectivo para pulgas e domadores de Circo.

C.C.:  Creo que a resposta anterior é un erro. (Entre domador e pulga: un látigo)

27. Que dons naturais quixeras ter?

S.C.: Cuspir moi lonxe, a máis de vinte metros. E outro don…, umm, que algúen me chamase Don, Don Séchu, algunha vez na vida.

C.C.: Saltar como unha pulga.

28. Como me gustaría morrer?

S.C.: Vivo.C.C.: Rápido.

29. Estado presente do meu espírito?

S.C.: A fronte ergueita, o paso ventureiro.

C.C.: Etéreo.

30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?

S.C.: O erro dumha pulga num dos números do Circo.

C.C.: Cando a pulga Mimí fracasa no seu intento de andar por enriba dunha rampa subida nunha pelota de tenis de mesa blanca.

 31. O meu lema?

S.C.: Eu nunca serei yo

C.C.: “Unha pulga non pode para un tren, pero pode encher de ronchas ao maquinista”. 

 Queremos convidar a respostar o Test de Proust a www.anxoscaidos.blogspot.com e mais a http://www.avantehermetico.blogspot.com/, blogues que admiramos pola sua particular e única visom da vida e, sobre todo,  porque som colegas ou família do Circo de Pulgas Carruselo

O PRECURSOR, O GUIEIRO

retrato-de-boaventura-carruselo.jpg

Segundo a súa partida bautismal, naceu Boaventura Carruselo, -avó da nosa tataravoa- en 1790, na Trabanca d´Arriba en Padrón. Distintos documentos familiares din que a moi temprana idade embarcou no Porto de Vigo cuns comerciantes portugueses que ían ata Saigón, na procura de xade.

Despois de moitos avatares que non é preciso contar, chegou á cidade de Lasha, onde confraternizou coa poboación nativa, acabou introducindo a semente de millo na meseta tibetana e ensinou aos máis iluminados lamas tibetanos a facer filloas.

En agradecemento os monxes iniciárono na doutrina budista do desapego, da impermanencia o do vacío.

E non hai nada que represente mellor a transitoriedade da vida que unha pulga, imaxe da orde cósmica do mundo e axuda para a meditación. Todos eses coñecementos estaban recollidos nas sagradas escrituras do PULGUIPARADEVATHA, exposición da técnica de comunicación transpersonal-amable coas pulgas dos iaks, fonte de contemplación e forma de superación do mundo material mediante a disminución do ego humano e o ensalzamento da psicoloxía entomolóxica.

Vintecinco anos despois voltou ás terras do Sar, onde aplicou as técnicas aprendidas ás pulgas galegas e transmitiu os coñecementos esotéricos adquiridos aos seus descendentes.

COMO DOMAR UMHA PULGA: 2ª PARTE

claudio

A família Carruselo, herdeira da Escola Tradicional Galega de Circo de Pulgas, sempre mostrou especial estima pola Comunicaçom. Nom pode chegar a existir umha boa relaçom entre persoas e pulgas se nom se entendem.

Por isso na história dos Carruselo sempre tivemos preocupaçom por conseguir nom só que as pulgas nos comprendessem senóm tamém que, aínda máis difícil, aprendessem a ler e a escreber no nosso idioma.

Aínda que seja incríbel, hai pulgas no nosso Circo que lerom mais livros que alguns dos pais e nais que traen seus filhos e filhas ao nosso espectáculo.

Seguro que mais dumha persoa tem pensado quando atopou um dos irmáns Carruselo no autobús ou na cola do cine que esse tipo que falava só vestido com casaco vermelho de domador estava um pouco louco. Pois nom: os Carruselo adoitamos falar com as pulgas, que levamos com nós no ombro ou detrás das orelhas ou na cocorota.

As palavras som moi importantes quando se quere domar umha pulga porque realmente umha pulga nom se doma senóm que se convence.

Segundo o nosso método para que umha pulga decida trabalhar num Circo hai que convence-la.

Ou noutras palavras: tem que deixar-se convencer.

Assi cumpre explicar-lhe bem em que consiste o seu trabalho, explicar-lhe que é um aplauso, por que a gente abre a boca com asombro e exclama OOOooohhhhhh!!! ou por que nom debe pinchar a ningum espectador durante a actuaçom.

Ademais hai que negociar com ela as vacaçons e os direitos e as condiçons laborais e essas cousas tam importantes para a vida dos trabalhadores e trabalhadoras. O Circo dos Irmáns Carruselo pode gabar-se de ser o primeiro no mundo onde as pulgas e o domador tenhem convénio laboral, o mesmo convénio laboral, por certo.

A pulga daquela pode aceptar ou nom formar parte do Circo, dependendo -sobre todo- se tem verdadeiro sangue de artista.

Quando umha pulga di si e acepta entrar na família do Menor Espectáculo do Mundo é porque necessita sentir a emoçom, a mágia e a sorpresa no corazóm do público.

Por certo, de todas as palavras que marcam a vida das pulgas de circo, a palavra que mais gostan de ouvir é Bravo.

Por isso o Circo de Pulgas dos Irmáns Carruselo está especializado em arrincar os mais grandes, espectaculares e sonoros bravos das gorxas dos nenos e nenas que participam no nosso espectáculo.

COMO DOMAR UMHA PULGA: 1ª PARTE

claudio-carruselo.jpgDomar umha pulga é imposíbel salvo contadíssimas excepçons.

A família Carruselo, com origem em Padróm, -onde, já se sabe, uns picam, outros nom– vém transmitindo de geraçóm em geraçóm desde hai séculos os segredos da doma de pulgas.

Os irmáns Carruselo, sabedores do método galego para domenhar pulgas, -baseada no amor e na confianza recíproca entre animal e ser humano-, rexeitam a filosofia da escola de doma de pulgas e elefantes da Índia.

É necessário advertir, pois, contra o que algumhas voces malintencionadas e sem conhecemento de causa aseguram, que a doma de pulgas da Escola Galega de Circo de Pulgas –conhecida internacionalmente como Galiza Pulgas Circus- nom tolera o maltrato físico ou psicológico do animal.

Essa é a primeira lei do psicoentomólogo -ou psicólogo de insectos-, cultismo moderno com o que se conhece nos ámbitos profesionais ao artista domador –ou domadora- de pulgas.

Só como curiosidade, e como mostra do que nom se debe fazer em ningum caso com animal ningum, sexa pulga, cao, gato ou elefante, aí vam umhas palabras sobre a doma de elefantes tradicional na India:

Contam que a doma do elefantes  se basea na crueldade.  Primeiro engaiola-se o animal no «caixóm da comprensióm», umha caixa sólida e estreita da que o animal nom pode saír. A seguir o elefante fica imobilizado com grosas e abundantes cordas. Despois vém a fase de sometemento. A fame, a sede, o insónio, os golpes intentarám romper a rebeldía do animal e dobregar a sua vontade. Daquela, e só daquela, o elefante iniciará a sua nova vida de animal entregado á obediéncia e á sumisóm. Como sabe-lo? O domador asenta sobre o elefante. Este começa a saír da xaula, atado aínda com moitas cordas. Se obedece ao domador gozará de comida e bebida abundantes. Se fai algúm amago de rebeldia, as sogas que aínda o amarran recordaran-lle que é prisioneiro.

Assí acabamos este primeiro achegamento á arte da doma de pulgas ao estilo galego, famoso na tradiçom europea pola sua humanidade para com os animais.

O respecto mutuo entre os seres humanos e os animais –e a natureza em geral- é a primeira das leis do nosso labor como gente deste circo que é o mundo.

Nom se pode domar umha pulga sem ama-la. Ou explicado com outras palavras: as pulgas nom se deixam domar se nom se sentem queridas.

Porque a familia Carruselo tem clara umha cousa: Hai pulgas que som melhores que moitas persoas.