Un poema de Lilith

lupacor 

Lilith, a pulga que chegou de Francia, aprendeu a tocar o piano, a andar sobre o arame e, finalmente, conseguiu ser a primeira pulga que sabe ler e debuxar nas letras, escribiu un poema para o seu público. Eilo!:

 “Ola, chámome Lilith,

son pequena como un colibrí.

Son unha pulga pianista,

son a raíña da pista.

Sei as letras do A ao U

e podo pincharvos no cu.

Gústame escribir moito

e tamén ler o periódico.

Gústame ler en galego

contos de nenas e nenos,

historias de gatos e ratas,

duendes, indios e piratas.

Gústame tocar o piano

e que o público berre “Bravo!”.

Este é o Circo das Pulgas,

se vos gusta berrade “Urra!”.

Se o espectáculo sae mal

non nos tiredes tomates

que non somos elefantes

e podédesnos esmagar!

No Circo Máis Pequeno do Mundo

imos flipar todos xuntos!

Eu chámome Lilith,

se queredes… aplaudir!”

AS PULGAS, ESAS ACTRICES DESCOÑECIDAS:

chaplin2 

 

Di a crítica que a escena máis famosa do cine non foi aquela de “Foise co Vento” na que Escarlata dicía aquilo de “A Deus poño por testemuña de que nunca máis volverei a pasar fame” nin aquela na que un extraterrestre dicía o de “teléeefono, miña caaasa…”, non, non, non, a escena máis famosa do cine está interpretada na película de Charles Chaplin “Limelight” por dúas pulgas británicas chamadas Henry e Phyllis, duas pulgas mantidas polo artista fracasado chamado Calvero. O protagonista, antes de mostrar as tremendas habilidades dos insectos, interpreta unha memorable canción dedicada ás súas pulgas que vén dicir algo así:

“Son domador de feras,
leóns, tigres e panteras.
Gañei e perdín
todo o que tiven,
din que pola muller
e tamén polo beber.
Para cumprir coas débedas
vendín as mellores feras.
Pero non desesperei,
mentres en bolas me poñía
unha idea naceu.
E se en lugar de elefantes
domara pulgas brincadeiras?
Por que na selva buscar
tan feroces alimañas
sendo fácil de atopar
estes artistas locais?
Por fín atopei unha pulguiña
eeduqueina con coidado.
Un marido lle busquei
e deille pensión completa.
Non teñen viño nin caviar
pero de noite e de día,
gústalles tomar
bistés da miña anatomía
Que curiosa sensación
cando saen de paseo…
para facer a dixestión!
Vivo feliz e contento.
Mil trucos lles aprendín
e agora, oh gran portento!
xa me saben manter.
Pasen señores, pasen!
no trapecio voante,
vexan a Henry e a Phyllis
espectáculo xigante!
E se algúnha picachón senten,
Non se rasquen, por favor!
que é menos dano o picor
que destruír ao artista
futuro rei da pista.”

As pulgas de Castelao

cincoentahomes

Na Diminuta Historia da Humanidade -essa história escrita com letra minúscula ou letra piolhosa ou de pulga e menos conhecida porque hai que olha-la com lupa- sempre atopamos que nom só as gentes desconhecidas compartirom a sua vida com as pulgas senom que algumhas das mais famosas figuras da civilizaçom estiverom interessadas pola vida destes insectos.

Castelao foi umha dessas persoas que, ao carom do seu colosal e gigantesco labor como artista e político, tivo umha olhada especial cara ao mundo das pulgas, que incorporou á sua obra com grande sensibilidade.

Em Cincoenta homes por dez reás (Nós, 1930) Daniel Alfonso Rodríguez Castelao -de quem sabemos polos devanceiros da família Carruselo que sentía grande admiraçom polo espectácular Circo das Pulgas- inclue o mundo das pulgas numha das suas “cousas”, no que aparece um debuxo dum velhinho com umha pulga invisíbel na mao e o seguinte texto:

– “O home que atrapou unha pulga sendo cego de todo” .

Por outro lado, na introduçom do livro aparece este texto -antológico na História Universal da Literatura sobre Pulgas- de grande calado filosófico:

“- Un home pensa que pra que un paxaro teña imaxinación (voar co pensamento) compre cortarlle as aas. Vós podedes decir que este home é un poeta. I eu volvo a decirvos:

– Un home revira unha tortuga e ollando como espernexa pra dar a volta cavila que a tortuga o que ten é vergonza de amostrar a barriga. E vos podedes decir que este home é un humorista. I eu aínda volvo decirvos:

Un home chámalle Pulex Piritans a unha simple pulga. Vós podedes decir que este home é un sabio. E velahi…”

Segundo os últimos estudos sobre a estrategia teatral de Castelao -investigaçom realizada por um dos irmáns Carruselo, filólogo autodidacta- é posíbel que a admiraçom de Castelao polos Circos das Pulgas -que conheceu nas suas viages a Rusia ou Viena, por nom falar do Circo Bretóm das Pulgas que tanto admirou- se veja representada pola estrutura dramática da súa única obra teatral: Os vellos non deben namorarse.

Este Castelao cada dia nos sorprende máis…