Galiza Pulgas Circus no Courel

Breogán voltou á terra que o viu nascer entre os pelos dum jabali.

Soldóm da Seara, umha aldeínha da Volta Grande do Courel, acolheu as pulgas do Galiza Pulgas Circus e Claudio Carruselo e a gentinha pequena compartirom uns grandes momentos no alpendre de Amadeu.

Famosa polas suas malas pulgas, -a aldea padece umha praga crónica de pulgas de cabra desde hai vários anos- Soldóm recebeu a Lilith, Esmeralda e Breogán com os braços abertos e um grande sorriso.

Mesmo a gente alérgica ás trabadas das pulgas puido comprobar que nom todas as pulgas som iguais e que as pulgas do Circo Carruselo som grandes artistas e umhas profisionais.

Umha aperta, gente do Courel.

E desde aqui tamem berramos: Courel, Parque Natural Já!

Festival Internacional Galicreques 2007

 

Acavam de chegar-nos várias fotos do Galiza Pulgas Circus no Festival Internacional de Títeres  Galicreques, de Santiago de Compostela.

Como dixemos no seu momento, -mais abaixo- foi toda umha honra para a família Carruselo ter participado deste espaço para a fantasia compatindo festival com grandes artistas do mundo, gente á que lhe brilham os olhos quando o público se emociona e vive a vida do marabilhoso mundo da ilusiom.

Ademais, as fotos som tam bonitas… Lástima nom saber o nome d@ fotógraf@ para lhe dar os parabéns!

-Vivam os monicreques e as pulgas!

-Vivaaaaaammmm!!!

O Circo de Pulgas no Paço de Tor

 

Aí está Claudio Carruselo, no Pazo de Tor, na gira que no Dia dos Museus o Galiza Pulgas Circus realizou pola província de Lugo de museu em museu!

O Paço de Tor é um edifício com um toque barroco do século XVIII que está cheio de veludo vermelho,  cerámica de Sargadelos, armas do ano catapum, sérios retratos de senhoras e senhoros serios e, talvez, algumha pantasma…

Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, essa senhora de branco riso cegador, foi a sua última propietária, antes de que o Paço passa-se ao domínio público.
Um lugar idóneo para abrir á gente da aldea de Tor e do resto do mundo e apressentar um domingo qualquer um espectáculo de Circo de Pulgas!

O Galiza Pulgas Circus, nos Museus!

As pulgas entraron nos museus!

Ahá, Claudio Carruselo, Lilith, Esmeralda e Breogán actuarom  em quatro museus cheos de mistério, tesouros, cultura e nenos e nenas.

Estas fotos som do espectáculo na Fortaleza em Sam Paio de Narla, Friol, um castelo medieval inzado de mistério, tesouros e no que, como podedes ver á direita, numha sala de armas, nom faltava um boneco vestido de samurai do império nipóm!

Por certo, que bem falam galego os nenos e as nenas de Friol!

Claudio Carruselo tamém fixo estremecer o público no Museu do Mar em Sam Cibrao, entre escafandras, cunchas de argonauta e barbas de balea; no Paço de Tor, em Monforte, um paço do século XVIII com lámpadas gigantescas de bágoas de cristal, espingardas, joias de todas as cores, sofás de veludo vermelho e o retrato dumha senhora mui guapa que se chamava Teresa; e mais no Museu Provincial de Lugo, ao carom de esculturas e pinturas d@s grandes artistas galeg@s.

As pulgas agradecerom muito esta viaxe ilustrada pola nossa cultura!

E descubrirom cousas marabilhosas  que só se podem atopar dentro dos museus.

Ademais, encanta-lhes conhecer país!

Frikiroga 2008

Breogán, a pulga que naceu no lombo dun xabarín, voltou á casa, ao pé do Courel!

E que melhor ocasión para facelo que cunha actuación nun Festival para recadar fondos para restaurar a escola de Soldón da Seara?

Foi bonito.

No palco da música do campo da Hermida, o Circo de Pulgas Carruselo, com um paracaídas de cores de fondo e unhas gaitas como música ambiental, volveu ilusionar os ollos das nenas e nenos que aplaudiron as pulgas mais frikis da Galiza.

Que guai no Grove!

Os nenos e nenas do Grove aplaudiron forte forte as tres pulgas recén chegadas da súa viaxe internacional.

E deron un chimpo das luces e músicas do circo da televisión á luz da biblioteca do cole do Grove que, pertiño da praia da Lanzada, -onde as pulgas de mar agardan ansiosas o verán- acolleu com moito cariño a Mimí, Esmeralda e Breogán.

Saúdos!

Entrevista a Candela Carruselo

Chámase Candela Carruselo, ten sete anos e vive con tres pulgas en Vigo. Seu pai é o famoso Claudio Carruselo, domador do Galiza Pulgas Circus e ela vai camiño de se converter na domadora de pulgas máis pequena do mundo!

– Candela, como é a vida cun domador de pulgas?

– A comida das pulgas é o sangue, e as nosas pulgas case sempre se alimentan do meu. Papá ponme as pulgas de noite e pícanme.

– Doe?

– Non, non, nin te das conta!

-Cantas pulgas viven con vós?

– Tres: Mimí, Esmeralda e Breogán. Mimí é a miña preferida. É travesa e gústame. Xoga ao fútbol, sube por unha rampa…

– Como é a vida dun domador de pulgas?

– Adestra moito. Adestra moitas horas á semana.

– E como consegue un domador as súas pulgas?

– Papá foi buscalas ao monte. Unha tróuxoa dun xabarín do Courel. Logo adestrounas moito tempo, cinco anos.

– E gustaríache seguir a tradición da familia Carruselo?

– Gustaría. Fáltame crecer. Xa fixen unha proba un día, con Mimí. Díxenlle que subise pola rampa e subiu. Mimí, sube! Teño que aprender a mandarlle as cousas mellor.

– Cando vas estar preparada?

– Cando teña máis tempo. Aínda son pequena. E ademais, cando me poña a falar en galego. Tamén quero aprender inglés, francés, ruso, xaponés, grego e árabe para facer o espectáculo en máis lugares do mundo.

– Que che gustaría aportar ao Galiza Pulgas Circus?

– Eu poríalle unha colchoneta, corda e dar tres saltos e saltar á corda frouxa.

– Onde che gustaría viaxar?

– Gustaríame actuar en Barcelona, en Asturias e en París, na praza maior.

– Soñas coas pulgas?

– Si, soño que xa son domadora.

– E por que che gustaría ser domadora de pulgas?

– Porque quero divertir o público, porque ao público lle gusta o circo de pulgas, e porque vou ser a primeira domadora de pulgas.

– Que ten de especial un circo de pulgas?

– É máis pequeno, máis bonito, e as pulgas son máis impresionantes que os elefantes e máis difíciles de domesticar.

– A quen admiras?

– Admiro a Claudio Carruselo, a Querignac… Gustaríame coñecer a Pippi, vivir cunha tartaruga, ter un gato ao que lle aprendería a transportar pulgas… Gústame tocar o clarinete.

– Queres contar algunha anécdota en especial?

– Mimí un día escapou pola cociña adiante, e papá enfadouse con ela e colleuna tirándose ao chan. Agora vailles facer unha casa. Viven nunha caixiña, nun bolsiño, e nunha caravana pequeniña. Eu voulles facer un sofá cosendo.

PLANSJET, FEITICEIROS.

plansjet.jpg    A principal intención que teñen as pulgas do Circo Carruselo cando espertan é marabillar a nenos e nenas, pois saben que marabillar a un pequeno é introducilo ao mundo do coñecemento.    

Mieke e Chris Geris, son uns Flamencos de Flandes: feiticeiros capaces de transformar un anaco de madeira nun espectacular monicreque bailarín, que ao ritmo de gaita, zanfoña, frauta ou tamboril sacan aos espectadores da súa realidade.   

A inspiración do dúo está na música, danzas e traxes tradicionais flamencos. «As óperas que facían Haydn e Mozart, como Don Giovanni, se representaban tamén con monicreques», argumenta Chris en defensa das súas marionetas bailarinas, citando tamén a Chopin, que compuxo música para monicreques.   

 Chris e Mieke fabrican as súas marionetas pero, a diferencia das escolas que ensinan a manexar monicreques feitos con materiais sintéticos, eles só utilizan madeira e materiais naturais. A zanfona que toca Mieke e as marionetas de fíos e madeira que Chris manipula, marcando co seu claqueteo o ritmo musical, adáptanse perfectamente.

GALICREQUES 07…

galicreques.jpg             GALICREQUES 2007: O DOMADOR  CONVERTEUSE EN PULGA.

            O adulto que capta dun xeito máis ou menos real o verdadeiro sentido dun monicreque ou dunha marioneta é un privilexiado. A nena, o neno, grazas ao seu espírito de identificación capta ese sentido coa maior naturalidade do mundo. O cativo, a cativa, non ve un boneco, non ve un anaco de madeira, senón que percibe que o monicreque ten unha vida autónoma da titiriteira ou titiriteiro.

    As pulgas do Circo Carruselo son como os espíritos elementais inmortais que só son percibidos pola infancia máis sinxela. Cando un neno sente a Lili, Esmeralda ou Breogán entre o dedo furabolos e o gordo, e ve ás nosas pulgas como algo intelixente, pensamos nelas como monicreques invisibles.

    Esta semana, entre mestres como Pepe Ruiz, Mieke e Chris (Plansjet) ou o ruso Víctor Antonov, entre outros e outras; as Carruselo, os Carruselo, sentímonos pulgas minúsculas. Agradecemos á Asociación Cultural Barriga Verde e aos patrocinadores de Galicreques 2007 que nos proporcionasen ese sentimento.

            Un brinde polos titiriteiros e titiriteiras.

SALA NASA

    http://web.educastur.princast.es/proyectos/grupotecne/asp1/investigacion/vermensajebbb.asp?idmensaje=1345

O vindeiro sábado día 22 de setembro, as 5:00 PM, na SALA NASA, de Compostela (rúa San Lourenzo, 51-53 B), as nosas tres pulgas do Circo dos e das Carruselo, porán de novo ao límite as súas posibilidades físicas e psíquicas, e non co ánimo de embarcarse nalgunha misión espacial, senon para mostrar as nenas e nenos as súas espectaculares habilidades.

Esmeralda, Breogán e Mimí, celebrarán, cunha morea de artistas, os quince anos de vida da SALA NASA, vital proxecto de participación social que desde o 1992 é unha porta aberta a creación, ao encontro de artistas e espectadores, un modelo alternativo de xestión cultural, liderado por artistas, sen ánimo de lucro, un centro de recursos artísticos independiente, flexible e accesible a artistas novos e consagrados.


SESIÓN DE TARDE PARA TODOS OS PÚBLICOS con: Paula Carballeira, O Circo de Pulgas Carruselo, Berrobambán, Sol Felloza, Manu Lago, Kukas, Santi Prego.

Botalle un ollo ao programa.

As pulgas no Courel: fotos

courele

as

As pulgas do Circo Carruselo, Mimí, Esmeralda e Breogán, quixeron estar no Courel, na aldea de Froxán, o día da Festa Revolta.

 Aquí están as fotos que tirou a nosa colaboradora infatigábel Rocío da Barqueira, no pendello de Evaristo e Helena, cheíño de nenos e nenas e outras especies.

No nome das pulgas do Courel, Breogán, -a pulga que naceu nun xabarín da aldea de Soldón-,  tamén reclamou protección: Parque Natural xa!

 Viva o Courel livre de Canteiras!
 

O Circo de Pulgas, no Courel!

soscourel

En apoio de SOS Courel, e contra a destrución dun dos espazos naturais mais valiosos do noso país, e polo desenvolvemento sustentábel da Serra do Courel como Parque Natural, o Circo de Pulgas Carruselo acudirá á Festa Revolta que vários colectivos sociais están a organizar para o sábado, 11 de agosto, en Froxán.

Breogán, a pulga bala, que naceu no lombo dun xabarín perto da aldea de Soldón da Seara, volta a casa.

 Agardámosvos entre os castiñeiros!

 Máis información aquí

Na Feira do Libro de Vigo!

 vigo1

Clica aquí: http://www.blogoteca.com/madeingaliza/index.php?cod=18326

Como non, o Circo de Pulgas Carruselo distínguese por apoiar, ademais do espectáculo da doma de animais salvaxes, a arte e a cultura. Entendemos que o Galiza Pulgas Circus é un deses pequenos patrimonios culturais de Galiza para o mundo e por iso onte, e entre outras cousas porque nos tocaba na familia, participamos na presentación dun libro na Feira do Libro de Vigo.

En fin. Foi espectacular.

Sabiamos que a xente que vai a unha feira do libro é xente valente, afoutada e destemida, porque a maioría das persoas lle teñen medo aos libros e non queren achegarse demasiado ás Feiras, onde hai milleiros de libros ceibos.

E sabiamos que a presentación dun libro é unha cousa seria, polo que pactamos co autor de Made in Galiza, o libro apresentado, que se quería contar coa nosa presencia non nos podía limitar o número de gargalladas, bravos e aplausos no noso espectáculo. Aceptou.

Así que sabendo todo iso e algunha cousa máis,  o Galiza Pulgas Circus foi un bo primeiro prato no espectáculo da presentación do Made in Galiza, un libro que non podedes nin imaxinar.

Presentaron o libro, ademais do autor, o editor Carlos Lema, da editorial Galaxia, e mais o filósofo rock Carlos Santiago, ese fenómeno cultural da guerrilla comunicativa moderna.

Séchu Sende, o autor,  sorprendeu explicando o seu Método de hipnose para falar galego, e o Estudo Sociolingüístico da Mocidade baixo os efectos das drogas, e confesando que el comezou a falar galego na mocidade logo de facer ouigha co espírito de Castelao.

En fin, todo foi un pouco sobrenatural. Como nun soño. Ou algo así.