GALICREQUES 07…

galicreques.jpg             GALICREQUES 2007: O DOMADOR  CONVERTEUSE EN PULGA.

            O adulto que capta dun xeito máis ou menos real o verdadeiro sentido dun monicreque ou dunha marioneta é un privilexiado. A nena, o neno, grazas ao seu espírito de identificación capta ese sentido coa maior naturalidade do mundo. O cativo, a cativa, non ve un boneco, non ve un anaco de madeira, senón que percibe que o monicreque ten unha vida autónoma da titiriteira ou titiriteiro.

    As pulgas do Circo Carruselo son como os espíritos elementais inmortais que só son percibidos pola infancia máis sinxela. Cando un neno sente a Lili, Esmeralda ou Breogán entre o dedo furabolos e o gordo, e ve ás nosas pulgas como algo intelixente, pensamos nelas como monicreques invisibles.

    Esta semana, entre mestres como Pepe Ruiz, Mieke e Chris (Plansjet) ou o ruso Víctor Antonov, entre outros e outras; as Carruselo, os Carruselo, sentímonos pulgas minúsculas. Agradecemos á Asociación Cultural Barriga Verde e aos patrocinadores de Galicreques 2007 que nos proporcionasen ese sentimento.

            Un brinde polos titiriteiros e titiriteiras.