As pulgas de Castelao

cincoentahomes

Na Diminuta Historia da Humanidade -essa história escrita com letra minúscula ou letra piolhosa ou de pulga e menos conhecida porque hai que olha-la com lupa- sempre atopamos que nom só as gentes desconhecidas compartirom a sua vida com as pulgas senom que algumhas das mais famosas figuras da civilizaçom estiverom interessadas pola vida destes insectos.

Castelao foi umha dessas persoas que, ao carom do seu colosal e gigantesco labor como artista e político, tivo umha olhada especial cara ao mundo das pulgas, que incorporou á sua obra com grande sensibilidade.

Em Cincoenta homes por dez reás (Nós, 1930) Daniel Alfonso Rodríguez Castelao -de quem sabemos polos devanceiros da família Carruselo que sentía grande admiraçom polo espectácular Circo das Pulgas- inclue o mundo das pulgas numha das suas “cousas”, no que aparece um debuxo dum velhinho com umha pulga invisíbel na mao e o seguinte texto:

– “O home que atrapou unha pulga sendo cego de todo” .

Por outro lado, na introduçom do livro aparece este texto -antológico na História Universal da Literatura sobre Pulgas- de grande calado filosófico:

“- Un home pensa que pra que un paxaro teña imaxinación (voar co pensamento) compre cortarlle as aas. Vós podedes decir que este home é un poeta. I eu volvo a decirvos:

– Un home revira unha tortuga e ollando como espernexa pra dar a volta cavila que a tortuga o que ten é vergonza de amostrar a barriga. E vos podedes decir que este home é un humorista. I eu aínda volvo decirvos:

Un home chámalle Pulex Piritans a unha simple pulga. Vós podedes decir que este home é un sabio. E velahi…”

Segundo os últimos estudos sobre a estrategia teatral de Castelao -investigaçom realizada por um dos irmáns Carruselo, filólogo autodidacta- é posíbel que a admiraçom de Castelao polos Circos das Pulgas -que conheceu nas suas viages a Rusia ou Viena, por nom falar do Circo Bretóm das Pulgas que tanto admirou- se veja representada pola estrutura dramática da súa única obra teatral: Os vellos non deben namorarse.

Este Castelao cada dia nos sorprende máis…