O PRECURSOR, O GUIEIRO

retrato-de-boaventura-carruselo.jpg

Segundo a súa partida bautismal, naceu Boaventura Carruselo, -avó da nosa tataravoa- en 1790, na Trabanca d´Arriba en Padrón. Distintos documentos familiares din que a moi temprana idade embarcou no Porto de Vigo cuns comerciantes portugueses que ían ata Saigón, na procura de xade.

Despois de moitos avatares que non é preciso contar, chegou á cidade de Lasha, onde confraternizou coa poboación nativa, acabou introducindo a semente de millo na meseta tibetana e ensinou aos máis iluminados lamas tibetanos a facer filloas.

En agradecemento os monxes iniciárono na doutrina budista do desapego, da impermanencia o do vacío.

E non hai nada que represente mellor a transitoriedade da vida que unha pulga, imaxe da orde cósmica do mundo e axuda para a meditación. Todos eses coñecementos estaban recollidos nas sagradas escrituras do PULGUIPARADEVATHA, exposición da técnica de comunicación transpersonal-amable coas pulgas dos iaks, fonte de contemplación e forma de superación do mundo material mediante a disminución do ego humano e o ensalzamento da psicoloxía entomolóxica.

Vintecinco anos despois voltou ás terras do Sar, onde aplicou as técnicas aprendidas ás pulgas galegas e transmitiu os coñecementos esotéricos adquiridos aos seus descendentes.