PRESENTACIÓN MUNDIAL DO GALIZA PULGAS CIRCUS

negroe

O vindeiro domingo 17 de decembro terá lugar a presentación na comarca de Santiago do Circo de Pulgas dos Irmáns Carruselo, o menor espectáculo do mundo con tres das máis famosas pulgas do mundo circense, as arquicoñecidas Mimí, Breogán e Esmeralda.

O espectáculo, presentado polo psicoentomólogo (domador de insectos) Claudio Carruselo, con guión do escritor Séchu Sende, preséntase no Ferlós Café de Bertamiráns, no concello de Ames, como unha das actividades de animación sociocultural deste local coñecido polas súas actuacións musicais e artísticas.

O Circo das Pulgas dos Irmáns Carruselo –Galiza Pulgas Circus- está dirixido a nenos e nenas de até 9 anos e presentará números circenses orixinais e únicos no mundo, como o da famosa pulga pianista, a trapecista, a pulga que salta á piscina nun triple mortal, a pulga que sabe escribir ou a pulga bala.

As pulgas do espectáculo foron domadas durante un longo período de tempo seguindo a tradición galega dos máis prestigiosos domadores de pulgas polo propio Claudio Carruselo e prometen un espectáculo único e nunca visto.

A entrada é gratuíta.

O espectáculo está dirixdo para nenos e nenas menores de 9 anos.