Praga de pulgas nun colexio de Rianxo

peluxe 

O Circo de Pulgas Carruselo quere solidarizarse cos nenos, nenas e profes do cole Brea Segade de Rianxo, vítimas dunha das peores calamidades que se poden padecer:  unha praga de pulgas.

A xente do Circo sabemos moi ben que nada se pode comparar cun andazo de pulgas. Os tigres, os leóns, os elefantes, as panteras ou os crocodrilos cos que os domadores de todo o mundo traballan a diario, arriscando a vida nas pistas dos circos, non son nada en comparación co perigo que supón o ataque das pulgas en estado salvaxe.

Por iso os domadores do Circo de Pulgas Carruselo comprendemos moi ben a denuncia e a chamada de auxilio lanzada por nais e profes do cole de Taragoña diante desta vergonzosa situación que, por suposto, ten responsabeis, -alén das pulgas, pobres animais que non teñen culpa de ser como son.

O Circo de Pulgas Carruselo  manifesta a súa denuncia solidaria cos nenos e nenas de Taragoña e reclama ás autoridades competentes e responsables políticos, -aos que sinalamos co noso látego- unha solución inmediata ao problema.

 Isto é unha vergoña! Pulgas nun colexio!

Así mesmo, tanto os domadores Claudio e Séchu Carruselo, como as pulgas do noso circo, Lilith, Esmeralda e Breogán, sentimos que unha vez máis a pulga apareza nos medios de comunicación só cando ten lugar unha desgraza deste tipo como un animal feroz e sedento de sangue. Por favor, a xente ten que ser sensible e saber que a realidade é máis complexa: NON TODAS AS PULGAS SON IGUAIS. 

No Circo de Pulgas Carruselo sabemos que as pulgas tamén poden ser animais sensibles e encantadores, e por iso o noso Circo quere lembrar o seu labor social como espectáculo que fomenta o amor polos animais.